Ir ao contido

A seguridade na nube. Realmente precisamos ter todo na nube?

Seguro que moitas veces escoitaches falar do termo nube. Ese lugar da Internet onde se poden gardar infinitos arquivos e onde estarán a salvo, pois nunca se van a perder.

Neste capítulo explicaremos con detalle que é a nube e como funciona, para que deixe de ser un concepto abstracto e ser capaces de elixir se a queremos usar ou non. A continuación, falaremos do seu impacto, tanto a nivel de privacidade como a nivel ambiental. Por último, faremos unha reflexión de se realmente é precisa, e comentaremos algunhas alternativas.

Que é e como funciona

A nube é un conxunto de ordenadores conectados entre si. Desta forma, cada vez que gardamos algo na nube, estámolo gardando nun ordenador central (que chamaremos servidor) que está noutro lugar xeográfico. Hai moitos servidores, xa que hai moitas nubes, cada unha pertence a unha empresa/entidade. Estes ordenadores, ademais de gardaren tódolos arquivos que sobe a xente (xa sexan fotos, vídeos, documentos...), tamén gardan toda a información que se pode atopar en Internet. Con esta definición, podería parecer que gardar un arquivo na nube é o mesmo que gardalo no ordenador persoal (ao fin e ao cabo, o arquivo está nun ordenador). Porén, atopamos grandes diferenzas, pois se gardamos un arquivo na nube, podemos recuperalo dende outro dispositivo. Ademais, no noso ordenador ese arquivo pode perderse (éntranos un virus, avaríasenos o ordenador, perdémolo...) e na nube, aparentemente, non. Veremos isto con detalle.

Para entender o funcionamento da nube, explicaremos primeiramente como funciona unha busca en Internet. Supoñamos que queremos acceder á páxina web https://esf.gal/. Como sabemos, esta páxina web está almacenada nalgún servidor (nos servidores almacénase todo o que está na Internet!). Por tanto, despois de escribir a dirección no navegador e premer a tecla intro, o noso ordenador pregunta cal é o servidor que ten esa páxina web, mandando mensaxes a través da rede (aire, cables, etc). Unha vez que se atopa o servidor que ten esa páxina, este busca nos seus discos duros onde está a páxina web. Cando a atopa, envíanola de volta e xa podemos vela no noso navegador. Como sabemos, para que este proceso poida funcionar é necesario ter conexión a internet, pois precísase unha rede pola que viaxen as preguntas para atopar ao servidor e o arquivo de volta. Se non hai conexión, o navegador indicaranos que non se pode conectar a esa páxina.

Cando usamos a nube para un uso particular de almacenamento de información, o proceso que ocorre é semellante ao dunha busca en Internet. Xeralmente, para poder gardar algo na nube, temos unha conta que nos permite facer este procedemento. Esta conta é necesaria para poder distinguir cales son os nosos arquivos e que non se mesturen cos doutras persoas. Cada conta ten un certo espazo de almacenamento na nube, é dicir, non podemos meter tódolos arquivos que queiramos. Isto ten sentido, pois o servidor precisa reservar espazo no seu disco duro para cada persoa. Se cada persoa puidese meter o que quixera na nube, o servidor precisaría ter infinitos discos duros, o que é inviable. Unha vez que temos algo na nube, permanece nese ordenador central. Deste xeito, cada vez que queremos ver ese arquivo, só hai que pedirlle ao ordenador central que nolo devolva. Estes ordenadores están conectados a Internet, polo que cando entramos na nosa conta e prememos no nome do arquivo, o servidor mándanolo pola rede para que o poidamos visualizar dende o noso ordenador. Como o único que precisamos é conexión a Internet e o noso nome de usuaria e contrasinal, podemos acceder ao arquivo dende calquera dispositivo e lugar do mundo, algo que non ocorre se está gardado no noso ordenador.

Este mesmo proceso ten lugar cando queremos usar calquera aplicación ou servizo que precise conexión a Internet (datos ou WiFi, por exemplo) para o seu funcionamento. Por exemplo, no caso da maioría de aplicacións de mensaxería instantánea, as mensaxes que se mandan non van dos nosos móbiles ao móbil da persoa coa que nos estamos comunicando. Isto débese a que esas mensaxes ocupan espazo, polo que se teñen que gardar nalgún sitio. Nos nosos móbiles non se poden gardar, xa que non teñen tanta capacidade de almacenamento. Como xa podes supoñer, as mensaxes gárdanse na nube que utiliza a aplicación de mensaxería instantánea en cuestión. Cando mandamos unha mensaxe a unha persoa, estamos facendo o mesmo que cando subimos un arquivo á nube: dende a nosa conta, mandámoslle algo ao servidor, neste caso, unha mensaxe. O servidor recíbea, mira a quen lla queremos enviar e gárdaa nun espazo que ten no disco (asociado á conversa entre nós e esa persoa). Unha vez que a ten gardada, envíalla á persoa coa que estamos falando, que recibe a mensaxe que lle enviamos. Deste xeito, o servidor ten almacenadas tódalas nosas conversas.

Como dixemos antes, parece que se queremos que un arquivo non se perda, temos que gardalo na nube, pois está máis seguro. Porén, se a nube son ordenadores, non debería estar igual de seguro que no noso ordenador? Ou é que os ordenadores que se utilizan son máis potentes ou resistentes que os nosos? Nalgúns casos pode ser que isto ocorra, pero en xeral, non é así. O sistema que se utiliza para non perder a información é a duplicación dos datos. É dicir, tódolos datos están duplicados noutro servidor. Así, se se avaría algún disco duro ou ordenador, sempre se poderá usar o outro para coller a información, polo que non se perde. Cómpre destacar que estes servidores duplicados están en lugares diferentes do mundo, xa que se estivesen no mesmo lugar e houbese un incendio, os dous quedarían destruídos, sendo imposible recuperar a información. É por este motivo polo que se di que na nube non se perden os arquivos, pois as grandes empresas teñen moito poder e cartos para teren réplicas de ordenadores.

Privacidade

Como vimos, a probabilidade de perda dun arquivo na nube é pequena, e ten a vantaxe de poder acceder aos ficheiros dende lugares remotos. Porén, estas vantaxes ofrécense a costa de ter os nosos datos almacenados nun ordenador alleo. Isto hai que telo moi presente: cada vez que subimos algo á nube (arquivos privados, fotos en redes sociais, mensaxes privadas...), deixa de ser noso. Ao subilo, estamos confiando na nube correspondente, e deixamos que xestione os nosos arquivos como queiran. Lembramos que o lugar onde se almacenan os arquivos non deixa de ser un conxunto de ordenadores, e como tales, pódese acceder a información que hai dentro. Deste xeito, os nosos datos poden ser privados no que concirne ao resto de usuarias, pero xa non para a empresa que os almacena. Aínda que hai políticas de privacidade, moitas veces cando aceptamos un servizo non lemos todo o que permitimos facer cos nosos datos. Un exemplo pode ser aplicacións que etiquetan as fotos. Para isto, é necesario usar modelos de intelixencia artificial, que precisan ser adestrados con moitas fotos, e poden estar usándose as nosas fotos para tal fin.

Temos que pensar sempre que cando gardamos información na nube, estamos utilizando os servizos dunha empresa, moitas veces sen pagar nada, polo que eles poden utilizar esa información como lles conveña. Hai que ter coidado co que se garda na nube. Non é o mesmo gardar traballos de clase que gardar información persoal, como datos bancarios, contrasinais, DNI... De novo, temos que ser conscientes de que os arquivos, unha vez subidos, deixan de ser nosos exclusivamente; hai que saber o que queremos conservar.

Impacto ambiental

O lugar onde se atopan todos estes ordenadores que conforman a nube chámase Centro de Procesamento de Datos (CPD). Este lugar non só contén servidores, senón tamén sistemas de refrixeración e ventilación (xa que os dispositivos quéntanse ao usarse), de alimentación eléctrica, de seguridade, de respaldo (ter varias copias do mesmo arquivo), etc. Como podemos observar, xa só en electricidade e refrixeración (auga, aire...) consúmese moita enerxía, xa que nos CPDs, en función do seu tamaño, pode haber dende decenas ata miles de ordenadores e discos duros. Se a isto lle sumamos as compoñentes necesarias para fabricalos (plástico, minerais...), o gasto de recursos é inmenso.

Se creamos unha conta de almacenamento na nube, como xa sabemos, o servidor tennos que reservar un espazo para nós nos discos duros. Se este espazo non chega, a empresa terá que comprar máis discos duros. Pero cantos máis dispositivos, máis calor se concentra, polo que para que non se avaríen, teñen que usar máis auga para refrixerar, por exemplo. Ademais, teñen que usar máis enerxía para que poidan funcionar todos correctamente.

Debido a isto, hai que ser conscientes do impacto medioambiental que supón o simple feito de gardar un arquivo na nube en vez de nun ordenador persoal.

É precisa?

Tal e como acabamos de ver, a nube ten puntos positivos e puntos negativos. Podemos pensar que os positivos compensan aos negativos, pero hai moitos outros xeitos de obter as vantaxes que nos da a nube.

Se queremos acceder aos ficheiros dende outro dispositivo, en vez de gardalos na nube, podemos gardalos nun pendrive, que podemos levar con nós a onde queiramos. Deste xeito, os nosos arquivos seguen sendo privados, e ademais non precisamos conexión a Internet para recuperalos.

No caso de non querer perder os arquivos, podemos ter varias copias no noso dispositivo, ou mercar un disco duro externo onde vaiamos copiando a información de cando en vez. Deste xeito, o impacto medioambiental é moito menor, xa que nós non precisamos sistema de refrixeración, e sempre teremos copias á nosa disposición.

Sobre as aplicacións, por exemplo, hai un uso desmesurado da nube. Estase apostando por gardar toda a información, pero a maioría non se precisa gardar. Por exemplo, na aplicación da lanterna, non sería necesario saber o día e hora que a acendemos, pero a maioría de aplicacións si que gardan esta información, e para iso precisan a nube, porque a capacidade do teléfono non chega.

Para a mensaxería instantánea ou videoxogos, hai un paradigma que se coñece como peer-to-peer (P2P, entre iguais), onde os datos non pasan por un servidor, senón que van directamente dende un dispositivo a outro. Isto utilízano algúns para aumentar a velocidade, xa que nos xogos, por exemplo, empregar un servidor pode diminuír a calidade, xa que calquera atraso pode afectar á precisión e experiencia da xogadora. No caso da mensaxería instantánea, as mensaxes só permanecerían no móbil mentres non se peche a aplicación (almacenadas en RAM), ou aparecerían só as últimas mensaxes, no caso de que se utilice o almacenamento do propio teléfono.

En conclusión, debemos analizar o uso que facemos da nube, e decidir se realmente a precisamos, explorando outras alternativas.