Ir ao contido

Compras por Internet

Merca local e de proximidade.

Si, parece obvio, pero a veces esquecemos que a mellor forma de protexernos á hora de facer a nosa compra por internet é non mercar en internet. Ademais, apoiar ao comercio local e de proximidade ten unha serie de incontables beneficios engadidos.

Sen embargo, pode que en ocasións non che quede outra que mercar algo por internet, ben porque non o atopas nas tendas do teu barrio, por ser un produto de segunda man que se vende por internet, mercar entradas para un evento, pago de servizos que so permiten facelo por internet, etc. A continuación, deixamos unha serie de consellos para mellorar a túa seguridade e evitar sustos.

Verificar a lexitimidade da tenda

Antes de realizar unha compra, é fundamental asegurarse de que a páxina web é fiable:

  • Comprobar o URL: Asegurarse de que comeza por https://, indicando unha conexión cifrada.

  • Evitar enlaces sospeitosos: Non facer clic en enlaces recibidos por correos electrónicos ou mensaxes non solicitados.

  • Buscar información sobre a tenda: Consultar opinións doutras persoas en foros, redes sociais e plataformas de consumidores.

  • Comprobar datos de contacto: Páxinas fiables adoitan incluír direccións físicas, números de teléfono e políticas de privacidade claras.

Protexer os datos de pagamento

Os datos bancarios son un dos obxectivos principais dos ciberdelincuentes. Para protexelos:

  • Usar métodos de pagamento seguros: Optar por tarxetas virtuais de prepago cunha cantidade limitada de cartos. Desta forma, se alguén consegue todos os datos da túa tarxeta, non podería acceder á túa conta principal. É un servizo ofrecido por case todos os bancos de balde,

  • Evitar gardar os datos da tarxeta: Moitas tendas permiten gardar a información de pagamento para futuras compras sen necesidade de ter que introducir novamente o código de seguridade que che manda o banco por SMS, pero é máis seguro ingresala manualmente en cada transacción, xa que se alguén accede á túa conta desa tenda podería mercar cousas sen ningún límite.

  • Empregar PayPal: PayPal é unha das principais alternativas para mercar por internet de forma segura. Por unha banda, fai de ponte entre o noso banco e a tenda electrónica, sen necesidade de expoñer os nosos datos bancarios. Por outra banda, en caso de haber algún problema co produto mercado, no caso de que nós non demos chegado a un acordo coa tenda, PayPal encárgase de protexerte e que che devolvan os cartos. Sen embargo, é importante ter en conta certas cousas de PayPal para que sexa aínda máis segura:

  • Activa a autenticación en dous pasos: É recomendable activar a autenticación en dous pasos da túa conta de PayPal para que ao iniciar sesión para pagar, teñas que introducir un código que che chegue por SMS ou pola aplicación móbil de PayPal.

  • Revisa os comercios seguros: Por defecto, tras facer unha compra PayPal engade as tendas nas que mercas nunha lista de comercios seguros, sen necesidade de ter que introducir a nosa contrasinal de PayPal cando imos pagar. É importante revisar que comercios temos aí, e intentar non ter ningún para que sempre teñamos que autenticarnos.

  • Emprégao como moedeiro, non asociado ao teu banco: Aínda que PayPal permite vincular unha tarxeta e/ou conta bancaria da que extraerá os cartos nas túas compras, é recomendable non facelo. Unha alternativa é irlle metendo cartos a medida que precisemos, e desta forma se alguén accede á nosa conta terá un límite de cartos que poder gastar.

  • Activar a autenticación en dous pasos: Sempre que sexa posible, usar verificación adicional para confirmar pagamentos.

  • Revisar os extractos bancarios: Comprobar regularmente os movementos da conta para detectar cargos sospeitosos. Ademais, en moitos bancos podes activar que che chegue un aviso cando se fai algún movemento.

  • Non actives o acceso por biometría: Como comentamos na sección Bloqueo específico de aplicacións:, no caso de que teñas activada a biometría para desbloquear o teu dispositivo móbil, é que á aplicación do banco non se poida acceder sen introducir un segundo pin, contrasinal ou patrón. Pensa que se alguén consegue que desbloquees o móbil coa túa biometría ser ser consciente, podería acceder á túa conta bancaria.

Seguridade na conexión e no dispositivo

Asegurar a conexión e o dispositivo desde o que se realizan as compras pode evitar ataques:

  • Non mercar desde redes Wi-Fi públicas: Estas redes poden ser interceptadas por atacantes. O ideal é compartir datos dende o teu móbil. Se non hai outra opción, usar unha VPN para cifrar a conexión.

  • Manter o dispositivo actualizado: Ter o sistema operativo e o navegador actualizados para protexerse de vulnerabilidades.

  • Evitar descargar aplicacións de fontes descoñecidas: Se se usa unha app para mercar, descargala só dende tendas oficiais como F-Droid ou a Play Store.

Coidado coas estafas e ofertas falsas

Moitas estafas aproveitan ofertas demasiado boas para ser certas ou promesas enganosas:

  • Desconfiar de prezos excesivamente baixos: Se un produto custa moito menos que en outras tendas, pode ser unha fraude.

  • Ollar os detalles das políticas de devolución: Páxinas fraudulentas poden non ofrecer devolucións ou incluír cláusulas abusivas.

  • Evitar presións para comprar rápido: Moitas estafas usan tácticas como “oferta limitada” ou “quedan poucas unidades” para forzar decisións apuradas.

  • Coidar os sorteos e premios falsos: Moitos correos electrónicos e anuncios afirman que a usuaria gañou un premio, pero realmente buscan roubar información. Se non o fixeches, bótalle un ollo á sección Ciberataques Típicos onde falamos deste tipo de ciberataques.

Correo electrónico e notificacións sospeitosas

Os ataques de phishing, como mencionamos na sección Phishing, adoitan estar relacionados con compras en liña. Para evitar caer nestes enganos é recomendable:

  • Non abrir ligazóns en correos non solicitados: Se unha tenda ou banco envía un correo inesperado, acceder á súa web manualmente en vez de facer clic na ligazón.

  • Comprobar a dirección do remitente: Un correo lexítimo vén dunha dirección oficial, non dunha que conteña erros ou dominios estraños.

  • Non compartir datos persoais por correo: Ningunha empresa fiable pedirá claves ou datos bancarios por mensaxe.

Revisións despois da compra

Unha vez realizada unha compra, é recomendable tomar precaucións adicionais:

  • Revisar os cargos na conta bancaria: Se aparece un cargo inesperado ou duplicado, contactar co banco de inmediato.

  • Verificar o estado do envío: Usar só números de seguimento oficiais, evitando mensaxes falsas con ligazóns sospeitosas.

  • Gardar comprobantes de compra: Ter rexistros da transacción facilita reclamacións en caso de problemas.

Conclusión

As compras en liña poden ser cómodas e seguras se se toman as precaucións axeitadas. Verificar a autenticidade das tendas, protexer os datos de pagamento, manter os dispositivos seguros e estar atentos ás estafas axuda a evitar fraudes e a garantir unha experiencia máis fiable. E xa sabes, sempre que poidas, merca local e de proximidade.