Ir ao contido

O Fediverso: a rede social alternativa

Degooglisons Internet by David Revoy está licenciada baixo CC BY 4.0.

Que é isto do Fediverso?

image

Imaxínaste que dende a túa conta de correo electrónico só lle puideses enviar correos á xente que use o mesmo provedor ca ti (Gmail, Outlook...)? E que para enviarlle un correo a outra persoa que non use o mesmo servizo ca ti teñas que crearte unha conta de correo electrónico no seu servizo? Non, verdade?

Sen embargo, no mundo das redes sociais, até o de agora viamos normal que para interactuar coa xente de X/Twitter teñas que ter unha conta en X/Twitter, e que para interactuar coas fotos de alguén que empregue Instagram, teñas que ter unha conta en Instagram, a maiores da de X/Twitter, e así sucesivamente con Facebook/Meta, YouTube, TikTok, etc. Aínda que neste capítulo nos imos centrar nas redes sociais, isto non só sucede nas redes sociais. Por exemplo, sucede nas aplicación de mensaxería. Se só tes WhatsApp e lle queres enviar un mensaxe a alguén que emprega Telegram ou Signal, terás que crearte unha conta neses servizos para poderlles escribir. Ademais, para empregar WhatsApp, a túa única alternativa é empregar a aplicación oficial que che dan, non libre.

O Fediverso precisamente buscar romper con esta centralización e que xente con contas en diferentes servizos poida interactuar entre ela. Para comezar, imos aclarar algúns termos:

  • Conta: A túa conta ou identidade ten un enderezo único chamado handle e está aloxada nun dos moitos servidores, tamén chamados instancias. Por exemplo, no caso de ESF, temos unha conta no Fediverso co enderezo @esfgalicia@mastodon.gal.

  • Instancia: Unha instancia é basicamente unha pequena rede social hospedada nun servidor. Cada instancia pode ter o seu propio conxunto de regras sobre que contido está permitido. Tamén podes hospedar a túa propia instancia. Cada instancia executa un software determinado. Por exemplo, no noso caso a instancia na que temos creada a conta é mastodon.gal.

  • O software usado nunha instancia é esencial para a experiencia da usuaria e as súas posibilidades. Entre os software máis empregados atópanse:

  • Mastodon: Un dos máis coñecidos. É un software de microblog similar a X/Twitter en canto a interface e funcionalidades. Microblog significa que tes un blog con pequenas (micro) publicacións que poden incluír texto, imaxes e vídeo. Normalmente hai un límite de 500 caracteres nas publicacións de Mastodon.

  • Peer Tube: É un software para compartir vídeos similar a YouTube ou Vimeo.

  • PixelFed: É un software de photoblogging similar a Instagram. As túas publicacións teñen que incluír polo menos unha imaxe e, por suposto, a maiores poden incluír un texto, hastags ou localización.

  • Lemmy: É un software para a xestión de foros de internet e un agregadores de novas similar a Reddit. Podes subir ligazóns, imaxes ou textos e a xente pode votalas e comentalas.

  • Mobilizon: É un planificador de eventos. Podes crear eventos e engadir localización e información, e a xente pode inscribirse.

  • Protocolo: É o conxunto de regras que fan que se poidan conectar entre si diferentes instancias e software. O Fediverso emprega o protocolo ActivityPub.

  • Cliente: É a aplicación, móbil ou de escritorio, que empregamos para acceder á nosa conta sen necesidade de empregar o navegador (para acceder empregando o navegador terías que ir á web da túa instancia, no noso caso mastodon.gal, e iniciar sesión alí). A diferenzas das redes sociais tradicionais, onde so podes acceder á rede social empregando a aplicación oficial que che piden, no Fediverso existen multitude de aplicacións (clientes) para acceder á túa. A elección dunha ou outra aplicación depende dos gustos de cada quen: cores, formas dos menús, funcionalidades. Por exemplo, co cliente Fedilab podes acceder á túa conta creada nunha instancia que emprega o software Mastodon, Pleroma, Friendica ou Pixelfed.

O Fediverso (universo federado) é a suma de todas as contas, en todas as instancias usando calquera software, comunicándose entre elas. O Fediverso inclúe máis que só proxectos de redes sociais. Calquera software que se federa mediante un dos protocolos forma parte do Fediverso. É dicir, dende unha conta creada nunha instancia que emprega o software de Mastodon, podes seguir unha conta creada noutra instancia, independentemente de que empregue como software Mastodon, PixelFed ou Peer Tube, entre outros. Imaxínate que por exemplo no teu muro de X/Twitter tamén che aparecen fotos que sobe a xente a Instagram, ou os vídeos que soben a YouTube. A de espazo que aforrariamos no móbil...

Vantaxes do Fediverso

Unha das grandes vantaxes de empregar o Fediverso é a descentralización do poder e a eliminación dos monopolios. Se estás lendo este capítulo é moi probable que che soe un tal Elon Musk. No 2022 mercou Twitter por 44 mil millóns (billóns americanos) de dólares. É ben sabido a deriva que colleu a plataforma en canto a censura de contido, fomento do odio e da violencia, modificación do algoritmo para fomentar certo tipo de ideoloxías, etc. E todo isto controlado por alguén coma Elon Musk. Cal é a vantaxe do Fediverso? Que non hai ninguén que o controle no seu conxunto nin se pode mercar. Como moito, alguén podería chegar a mercar unha instancia, pero non o Fediverso no seu conxunto, xa que o Fediverso en si é un protocolo libre. E de ser o caso, as usuarias so terían que migrarse a outra instancia (sen perder as súas publicacións, nin o seu contido, nin as súas seguidoras...), e listo. Ademais, se unha instancia comenza a publicar contido de odio ou molesto para o resto das usuarias do Fediverso, o resto de instancias poderían bloqueala. Desta forma, se a instancia na que estás bloquea a outra instancia, as súas publicacións xa non che aparecerían e, por enriba de todo, esa xente xa non podería interactuar contigo. E se estás na instancia á que bloquean ou non estás de acordo co tipo de contido que se sube, sempre te poderías mudar a outra instancia, aténdote ás regras de cada instancia.

Deste xeito o Fediverso fomenta a tecnodiversidade entendida, dun xeito similar á biodiversidade, como unha variedade de perspectivas técnicas ou sociopolíticas imprescindible para a construción dunha sociedade máis igualitaria e respectuosa dos seus membros que fuxa de autoritarismos e se vexa orientada cara o ben común.

Trala compra de Twitter e a deriva autoritaria que colleu, moita xente lanzouse á busca de alternativas. Moita xente descubriu o Fediverso a través de Mastodon (pola súa similitude con X/Twitter). Sen embargo, moita outra decantouse por BlueSky, unha rede centralizada e propiedade dos mesmos individuos que venderon Twitter a Elon Musk no seu momento. Como dixeron os nosos compañeiros nun artigo, ”ir a Bluesky dende X é, no eido alimentario, como pasar de Nestlé a El Pozo, pero irse ao Fediverso é como o consumo en mercados locais”.

Outra vantaxe do Fediverso é a ausencia dun algoritmo de recomendación de contido, aínda que non todo o mundo defende que non se inclúan este tipo de algoritmos. Por un lado, é certo que soa atractivo que alguén ordene por ti de forma automática o teu muro para que che aparezan as publicación que é máis probable que che interesen, en lugar de velas todas por simple orde cronolóxico. Sen embargo, quen vai controlar ese algoritmo? E sobre todo, que tipo de nesgos vai ter? Como comentamos ao inicio da guía, é ben sabido o impacto que tivo o escándalo de Cambridge Analytica no BREXIT ou na primeira elección de Donald Trump, manipulando ás usuarias de Facebook para que votasen a favor do BREXIT e de Donald Trump, respectivamente. Se o que queres é non perderte entre tantas publicacións, existen alternativas como a creación de listas temáticas.

E como entro no Fediverso?

Pois é moi sinxelo. Simplemente tes que crearte unha conta. Para elo, debes elixir unha instancia na que creala. A xente de imonosxuntas.org ten un apartado con instancias recomendadas. Unha vez escollas unha, simplemente terás que entrar e crear unha conta como en calquera outro servizo de internet que empregas no teu día a día e listo. E logo, se queres poder acceder á túa conta dende unha aplicación móbil sen empregar o navegador, podes empregar un dos múltiples clientes dispoñibles, como por exemplo Fedilab, Tusky ou outras.

Cando vaias crear unha conta nunha instancia, o primeiro que che van indicar son as normas específicas desa instancia: linguas que podes empregar, tipo de contido prohibido, etc. Ademais, hai unha serie de costumes que aplican a todo o Fediverso:

  • Se sobes unha imaxe, intenta engadir un texto alternativo no apartado que che aparece indicado. Ollo, isto non é para facer de pé de foto, para iso xa está o texto que pos na publicación. O texto alternativo serve para describilas e facelas accesíbeis para persoas con dificultades de visión, así que intenta que quede ben explicada.

  • Engade unha advertencia de contido cando publican información sensíbel ou que poida resultar desagradábel ou traumática para outras persoas. Isto aplica tanto a imaxes como ao texto en si, e fai que a xente poida decidir expresamente se quere cargar ese contido ou non. Para facelo, tes que tocar no triángulo que aparece debaixo da caixa onde se escriben as mensaxes.

  • Existe unha opción para eliminar as mensaxes cando pasa certo tempo, e tamén de definir criterios como por exemplo que non se eliminen aquelas que marcas cunha estrela. Isto pódelo modificar nos axustes da conta.