Ir ao contido

Móbiles e adolescentes

O impacto do acceso descontrolado e cada vez máis cedo a móbiles intelixentes con internet sen restricións, está creando moitos conflitos e preocupacións na comunidade educativa e tamén nas familias.

Dende Enxeñería Sen Fronteiras, pensamos que formación e a actitude das proxenitoras/titoras, xunto cos centros escolares, é a clave para solucionar este problema social, un exemplo de libro de como as “tecnoloxías extractivas” (feitas para facernos pasar moito tempo diante das pantallas e monetizar a nosa vida dixital) nos collen sen defensas. Non se trata simplemente de manexar conceptos como DNS, ou control parental. Se nos limitamos a todo este arsenal técnico, sen traballar as actitudes e valores máis fondos das nenas e adolescentes, será como poñer portas ao mar. Conseguiremos, iso si, unha xeración impresionante de hackers, expertas en saltarse todas esas barreiras.

Dende as familias, hai dúas bases importantes sobre as que traballar, e parécennos elementos que inflúen de xeito determinante en como podemos educar mellor dixitalmente (e tamén noutros ámbitos) a nenas e adolescentes.

A primeira delas é dar exemplo. Se non hai acción exemplar na casa, será complicada a formación das adolescentes, que soen sinalar tamén ás persoas adultas do seu entorno como malas usuarias dos teléfonos intelixentes. E os datos non lles quitan a razón… É común que as rapazas tendan a ter comportamentos na liña do que ven no seu fogar. Se hai un uso excesivo e desaxeitado do móbil (a horas intempestivas, deixando de lado a comunicación ou as actividades coas que temos ao redor), sentiranse lexitimadas a usalo tamén elas, pensando ademais que poden controlalo.

A segunda é adicar tempo ás nosas nenas e adolescentes. Isto da para reflexións máis fondas sobre como está montado o noso sistema socioeconómico, o que nos demanda a máquina do extractivismo e o que nos deixa de forzas para os coidados. Tal vez deberiamos darlle a volta ás prioridades, pero iso moitas veces non está nas nosas mans, e temos que xogar coas cartas que nos tocan. O que si podemos é non caer nesa exposición a pantallas dende ben novas (mesmo bebés), para que sexa máis fácil darlles de comer, ou que estean tranquilas na casa ou na cafetería, ou nas viaxes en coche... O camiño longo é adicarlles tempo, todo o que poidamos, non substituírnos por pantallas nin delegar a educación e o ocio en reels de redes sociais. Tamén falar dende pequenas destes temas de educación dixital, sexual, etc.

O mundo dixital está aí, é unha realidade máis (antes só tiñamos a ”realidade real”), e non podemos obviar a acción exemplar que temos que ter tamén na casa, nin tampouco crear burbullas artificiais á xente nova. Por moito que se consiga un pacto para o non acceso a smartphones até os 16 anos, ou restrinxir o uso das redes sociais até esta idade, a educación dixital ten que vir dende moito antes para que logo cando teñan acceso a el non estean indefensas. Para iso tamén temos que revisarnos como adultas. O ideal, certamente, é retrasar o posible o acceso libre a internet con estes dispositivos, pero falando das razóns coas afectadas, aprendendo xeitos de poñer límites, cultivando a corresponsabilidade e coñecendo máis de temas técnicos para protexerse. Tamén, por que non, participando en movementos de profesorado e proxenitoras que traballan por levar ao debate social e ás políticas públicas ese acceso paulatino e con sentidiño aos smartphones.